Exportar en Galego

Exportar en Galego é a primeira plataforma activa que lle ofrece ao tecido produtivo galego información de carácter económico e empresarial centrada nos países de lingua portuguesa.

Trátase dun proxecto conxunto da Federación Galega de Parques empresarias (FEGAPE) coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Ten como principal obxectivo a articulación en rede, polo recurso das tecnoloxías dixitais, doutras web e fontes de información que lle faciliten ao empresariado galego as ferramentas necesarias para establecer relacións comerciais cos países de fala portuguesa. Incídese fundamentalmente no aproveitamento da lingua galega como elemento facilitador dunha comunicación fluída; chave, en calquera proceso de internacionalización.

A plataforma Exportar en Galego xorde a raíz da Iniciativa Lexislativa Popular, Valentín Paz Andrade, aprobada mediante a LEI 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. A través desta recoñécese o impulso e o fomento do portugués en Galicia. Foi publicada no DOG o martes, 8 de abril de 2014: www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140408/AnuncioC3B0-310314-0001_gl.html