Buscador PAZ-ANDRADE

Buscador PAZ-ANDRADE é un novo concepto de motor de busca. Permite a procura de información por ámbitos temáticos, á vez que orienta os procesos de procura e ofrece información por categorías dentro do ámbito luso-galaico da internacionalización de empresas.

Busca achegar coñecemento sobre os temas buscados e outros relacionados, así como contidos formativos que profundan no coñecemento que se precisa para comerciar con algún dos países pertencentes á lusofonía.

Este buscador, dispoñible en galego e portugués, opera nos ámbitos da internacionalización cos países de fala portuguesa desde unha perspectiva empresarial e institucional, fornecendo de información de carácter oficial sobre diferentes variables económicas, necesarias para comerciar internacionalmente.

PAZ-ANDRADE está especialmente deseñado para aquelas empresas, ou persoas, que queiran achegarse aos países de fala portuguesa para internacionalizar os seus negocios; dispón de información específica sobre mercados, sectores de actividade, estatísticas, universidades, medios de comunicación ou oportunidades de negocio en cada un destes países.

A través do buscador PAZ-ANDRADE, o interesado poderá atopar desde os principais bancos e fundacións de cada país, pasando por universidades de referencia, ata medios de comunicación e contactos con departamentos de comercio internacional ou aduanas do país co que desexe establecer unha relación de intercambio comercial. Supón un autentico banco de datos orientado a facilitar a exportación galega cara aos países lusófonos.

O buscador PAZ-ANDRADE consta dunha categorización por países que organiza tematicamente os aspectos principais relacionados co comercio exterior nos países e subcategorías seleccionados.

Esta organización por categorías, facilítalle ao usuario o acceso de modo directo a cuestións básicas que precisará á hora de exportar.

Dispón de máis de 700 fontes de consulta especializada ordenadas primariamente por categorías de países cunha subcategorización tipolóxica de organismos dentro de cada país.

Categorías:

Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea Bissau, Guinea Ecuatorial, Mozambique, Portugal, São Tomé e Príncipe, Timor Leste, Macau (China), Goa (India).

Subcategorías:

Universidades, Organismos de exportación, Bancos e fundacións, Centros tecnolóxicos, Servizos de información empresarial, Parques empresariais, Deputacións, Xornais, Clúster, Recursos lingüísticos, Wikipedia, Organizacións mundiais.

Daquela, desde o PAZ-ANDRADE terá acceso de forma simultánea a:

  • Información xeral de páxinas web: mediante consultas vía Google, priorizando sitios web reputados no ámbito do comercio exterior. A maior calidade da fonte maior valor da información achegada.
  • Contidos informativos: por medio de documentos, artigos e outros recursos similares para cada país da lusofonía. Achega tamén información sobre estatísticas, publicacións, eventos e elementos sobre Quen é Quen nas áreas onde se está a producir a información.