Galego, lingua internacional

lingua_internacional

O galego é unha oportunidade de negocio para o sector empresarial galego. Unha lingua que non só nos representa culturalmente senón que nos conecta de forma directa, grazas á semellanza co portugués, con máis de 200 millóns de persoas de países lusófonos. Este valor cultural transfórmase en valor económico cando falamos de negocios e de elementos tan importantes para estes como a comunicación. O galego non só permite acceder sen intermediaros á Lusofonía, senón que xera o clima de confianza necesario que proporciona o feito de comunicarse directamente.

A importancia que este fenómeno ten potencialmente para o sector empresarial galego foi posta de manifesto nos últimos anos a través das campañas O Galego, chave para os teus negocios no mundo e Exportar en Galego, da Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia, un impulso no eido do fomento da lingua galega como ferramenta de apoio á internacionalización cara aos países de lingua portuguesa.

Como se constatou nestas campañas, o interese polos países lusófonos está a medrar de xeito importante entre a comunidade empresarial galega, ata o punto que, segundo o ICEX, no ano 2012 case o 20% das exportacións galegas se dirixiron cara a estes  países. Á hora de emprender o camiño da internacionalización son moitas as empresas que se decataron de que o galego é un factor que suma: unha vantaxe competitiva que serve para situarse de forma diferencial en mercados moi competitivos e menos saturados ca os europeos: América latina e África. Unha vantaxe que, aproveitada de xeito eficiente, constitúe un factor esencial que facilita as relacións de negocios, así coma unha comprensión máis rápida da cultura, dos costumes ou incluso das distintas divisas. O terreo da comunicación será certamente un terreo gañado.

No entanto, moitos dos países lusófonos seguen a ser grandes descoñecidos para o noso empresariado, sobre todo, para aquel que comeza agora a descubrir, por imperativos económicos, os procesos de internacionalización empresarial.

Nesta web, queremos axudalo compilando información acerca de entidades que poderán orientalo neste proceso, así como datos e recursos útiles para alcanzar con éxito o seu obxectivo: mellorar a súa relación comercial cos países de fala portuguesa.