Galicia e os mercados lusófonos

comercio_lusofono

Economía, lingua e cultura únense neste contexto para facilitar a comunicación do empresariado galego en novos lugares nos cinco continentes: Portugal, Brasil, Mozambique, Angola, Guinea Bissau, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe, Timor Leste e Macau teñen o portugués como lingua oficial, e importantes comunidades lusófonas abren portas en lugares como os Estados Unidos, Canadá, África do Sur, Francia, Luxemburgo ou Xapón, por citar só algunhas. O empresariado galego dispón dun valor que o sitúa en clara vantaxe neste contexto. Só ten que saber aproveitalo.

Os países lusófonos son tradicionalmente unha saída natural para as nosas empresas. É por iso polo que esta nova campaña da Federación Galega de Parques Empresariáis en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística incide en valorizar un coñecemento que o noso empresariado xa posúe, coidándoo e poñéndoo en valor para tirarlle todo o rendemento posible nas nosas relacións internacionais, facilitando a introdución das empresas galegas en mercados de grande relevancia, e, á vez, axudando a fidelizar mercados xa coñecidos grazas a unha mellor atención e comprensión mutua.

O portal Exportar En Galego ten dúas funcionalidades fundamentais para o sector empresarial: a identificación dos países de fala portuguesa con todos os datos de interese sobre os mesmos; ferramentas de carácter lingüístico e información sobre os apoios das administracións, galega e estatal, á exportación.

En segundo lugar, o buscador Paz Andrade. O Paz Andrade é o primeiro buscador de contidos web orientado especificamente á exportación galega cara aos países de fala portuguesa. A través del, o interesado poderá atopar dende os principais bancos de cada país, ata universidades de referencia, pasando por medios de comunicación e contactos cos departamentos de comercio ou aduanas do país do que desexe obter información. Un auténtico banco de datos orientado a facilitar a exportación galega cara aos países lusófonos.

O portal Exportar En Galego amosa de que maneira empresas presentes en países lusófonos se benefician da utilización do galego nos seus usos cotiáns; igualmente, ofrece información específica sobre o contorno cultural e empresarial da Lusofonía, e incide na importancia do coidado e mellora do galego entre o empresariado como ferramenta para desenvolver unha estratexia eficiente que lle permita achegarse a unha clientela maior.

A boa comunicación e a capacidade de diálogo conducirán a acordos sobre asuntos cruciais relativos aos termos do intercambio comercial e á elección da moeda de pago, chaves para que a súa actividade internacional sexa un éxito.

En Exportar En Galego orientámolo para iso.