Brasil

Bandeira de Brasil

Brasil,  foi durante anos o paradigma das economías duais, caracterizado pola coexistencia da extrema riqueza coa pobreza. Non obstante,  dende o ano 2002 ata a actualidade, a clase media brasileira - a chamada clase C- pasou de representar o 38,8% da poboación a case o 55%. Trátase de millóns de novos consumidores que acceden por primeira vez ao sistema financeiro, adquiren vivendas, bens de consumo duradeiro,  viaxan en avión, e son protagonistas, en definitiva, do ciclo virtuoso no que se moveu a economía brasileira nos últimos tempos. Segundo un informe do Instituto Nacional de Altos Estudos (INAE), de 2003 a 2011 (últimos datos), o número de persoas sen recursos reduciuse en case 20 millóns de persoas. Este descenso supuxo un enorme pulo para a economía brasileira.

Brasil é  o primeiro país de América Latina en termos de poboación (con máis de 190 millóns de habitantes), PIB (2,25 billóns de dólares en 2012) e volume de exportacións (con 242.580 millóns de US $) e está entre as oito maiores economías do mundo. A importancia económica de Brasil na rexión obsérvase tanto nos fluxos comerciais como nos investimentos. Os seus  principais centros de negocio, así como as zonas de maior índice de consumo e máis desenvolvemento económico están localizados no sudeste do país: Sao Paulo, Río de Janeiro e Minas Gerais. No ámbito comercial, América Latina e Caribe non só concentran o 22,32% da exportación brasileira senón que constitúen o principal destino dos produtos manufacturados brasileiros (case o 80% do exportado) sendo deste xeito o mercado natural da industria brasileira. Con todo, a presenza de grandes compañías brasileiras en America do sur non se limita só a iso, senón que tamén están moi presentes en sectores como o bancario, mineral, químico e petroquímico, mecánico ou cárnico.

 

Datos

Poboación 2013: 198.292.000 habitantes
Goberno: República federal presidencial
Presidente: Dilma Rousseff
Capital: Brasilia
Cidades principais: São Paulo, Río de Janeiro, Salvador, Belo Horizonte, Fortaleza, Curitiba, Recife, Manaus, Porto Alegre e Belem.
Moeda: Real brasileiro
Área total: 8.514.877 km2
Taxa de crecemento PIB: 1,8 % (est. 2014)
IPC 2013: 6,2%
Principais produtos: Carne bovino, agricultura, soia, petróleo, gas natural, aceiro, alcohol, textiles, calzado, ferro, café, zume de laranxa, aeronáutica.
Fuso horario: UTC-3
Prefixo telefónico: +55
Ligazóns de interese

www.brasil.gov.br
www.brasilglobalnet.gov.br
www.bb.com.br
www.usp.br
www.oglobo.globo.com

Recursos económicos

No 1930, o cultivo do café representaba o 80% das exportacións e máis da metade da produción mundial. Na década de 1990, o peso do café na economía brasileira foise reducindo significativamente, aínda que segue a conservar o posto de primeiro productor mundial. Na produción de cana de azucre, soia, millo e cacao, Brasil ocupa as primeiras posicións.

A explotación forestal é importante. Cerca do 60% da superficie do país é forestal. O Brasil é o primeiro productor sudamericano de caucho e ten unha importante reserva de piñeiros no Paraná, que serve de materia prima para a industria madeireira e de papel. Tamén exporta outras especies, como o cedro e a nogueira.

Brasil ten a segunda maior reserva de ferro do mundo en Minas Gerais e Pará (serra dos Carajás), ademais de manganeso, cromo, níquel, carbón, fosfatos, cobre, uranio e bauxita. Tamén posúe reservas petrolíferas e fíxose recentemente auto-suficiente neste sector.

O sector secundario xira en torno ás industrias automobilísticas, siderúrxica, téxtil, química, de derivados agropecuarios (azucre, cacao, café, carne) e metalúrxica (aceiro, aluminio, ferro, zinc, chumbo).

O transporte e os servizos financeiros son as actividades máis importantes, grazas aos 42,3 mil quilómetros de ríos navegables, á rede de estradas, cunha extensión de case 1,5 millóns de quilómetros dos cales 31 mil quilómetros pertencen as redes ferroviarias. Os seus principais portos localízanse en Santos, Vitória, Rio de Janeiro, Paranaguá, Porto Alegre, Recife, Belém, Macapá e Salvador.

A partir da crise enerxética dos anos 1970, Brasil experimentou un crecente déficit na súa balanza comercial, ata o 2001 cando alcanzou o superávit. Ao mesmo tempo, o Estado contraeu unha enorme débeda externa. No 1990, as taxas de xuros mantivéronse altas para atraer capital, ocasionando estragos na economía.